Thursday 28 de March de 2024

Os Axentes do Parque das Illas Atlánticas denuncian a dous mergulladores por pesca submarina con fusil en Ons


— Fixeron varias inmersións desde punta Centolo, seguindo a liña de costa, e taparon o número de folio e nome da embarcación para evitar ser identificados

— Esta práctica está prohibida nas augas do Parque Nacional, tal e como establece o Plan reitor de uso e xestión

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu un expediente a dous mergulladores, tras a denuncia de dous axentes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, por realizar pesca submarina con fusil nas augas do arquipélago de Ons.

Neste mes setembro dous axentes facultativos avistaron unha embarcación con dúas persoas abordo que se achegaron á illa por punta Centolo. Un deles vestía un traxe de neopreno e, lastrado cun cinto de chumbo, comezou a facer reiteradas inmersións en diferentes puntos ao longo da costa oeste, tanto en punta Centolo como en punta Xuvenco e punta Estripeiral. Polo súa banda, o acompañante a bordo colaboraba manexando a lancha e dando apoio ao seu compañeiro.

Durante o seguimento ás manobras dos denunciados, os axentes constataron que os membros ocultaron o número de folio da embarcación coas defensas de protección, así como o nome, para evitar a identificación da lancha.

A denuncia formulada polos axentes do Parque Nacional foi remitida ao servizo provincial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que dará curso aos servizos xurídicos para determinar a infracción rexistrada e a sanción correspondente polos feitos denunciados.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas conta desde 2019 cun Plan reitor de uso e xestión (PRUX) no que se prohibe a pesca submarina con fusil nas súas augas.

Por último, indicar que estas dúas persoas son reincidentes, pois este mesmo verán xa foran denunciados por feitos similares, co seu correspondente expediente sancionador que se está a tramitar actualmente.